Narcís Comadira

«Honestidade, mesura e xogo», catro poemas de Narcís Comadira traducidos ao galego por Lluís Felip

 

Honestidade, mesura e xogo

 

…a arte medra só ao abeiro da inseguridade e,
en ultimo termo, do fracaso.

«A principis dels noranta», Narcís Comadira

 

Para aqueles lectores que cremos que a literatura non é unha cenefa feituca e xeitosa que serve como decoración dos contornos sociais —e profesionais— da nosa personalidade, as posicións desde onde se escribe, tanto como o que, de feito, se escribe, resulta dunha importancia relevante á hora de facermos dalguén un autor de referencia e de lectura imprescindíbel: a postura moral acaba por ser o que crea vencellos e afinidades sólidas entre ambas as dúas partes.

Lembro que en pleno paroxismo da ledicia de turno —daquela coido que sería a alegría pre-olímpica— a lectura dun artigo que me proporcionou un bo amigo fixo que me interesase pola obra dun poeta que nunca antes lera: Narcís Comadira.

No artigo hai uns aspectos vixentes hoxe en día, nomeadamente os que se refiren á moral do éxito e a unha felicidade postiza e ben pensante, reflexo da sensibilidade humanística da dereita.

Ao oficio de escritor lle cómpre humildade e a ser posíbel, mesmo, honestidade: a humildade necesaria para non facer duns berros baleiros voz poética impúdica e a honestidade valente de se recoñecer fráxil diante do mundo para interpretar, e non tentar de agochalo acadando unha pose de milhomes á procura dunha ironía de feira.

Comadira fálanos, sen grandilocuencias nin afectacións, do que fala a literatura: da experiencia da morte (ou da vida, que veñen sendo a mesma cousa, dúas caras da mesma moeda) do sentido da beleza, da memoria do espazo e do tempo onde o eu se vai construíndo, facendo da poesía ferramenta a partir da cal construír o pensamento, na tradición de autores como Leopardi, Rilke, Ferrater, etc.

A aqueles aos que amole a autosuficiencia de uns e o saber estar asisado dos outros —todos eles escaladores sociais ao uso— atoparán na voz deste poeta a honestidade, mesura e xogo en proporcións reconfortantes.

Lluís Felip

 

 

Falcoaría

Son agora un falcón e sobre a man me aferro
do meu señor. Respiro o aire limpo da mañá
e o cheiro do veludo e as martas, a suor dos cabalos,
o feno tripado, os vapores
que da ferra soben
Miúdas herbas e flores, tapiz de xemas que verei
dende arriba cando, en círculos, magnificente
observe os meus dominios, a braña, as arboriñas
o regato, a lebre escurridía.
E os cabalos, os cans e mais o señor
cos seus cabaleiros e co falcoeiro maior.
paxes e servidores, todos por igual pequenos
repartidos pola herbeira.
Di agora o señor: quero unha lebre grande
co recendo da aroeira ( meu señor é poeta)
nun acariñarme a plumaxe co seu dedo.
Síntome emperador, empoleirado na man do señor
coa miña pucha de coiro ateigada de fitas.

Hai movemento, bulicio, rinchos e piafar
os criados ceiban e acirran os cans.
Chega o momento. Aloumíñame o señor,
quere unha lebre grande, co recendo da aroeira
(tamén eu son poeta). O corazón báteme con forza.
Arestora son eu o amo e señor
do mundo e da xente. Todo dentro do meu círculo
pendentes de min esperando como me perdo e volvo
como o meu voo vaise cinguindo, calcula
olla a lebre medorenta.
Os ollos sonme setas, afíanse as poutas
e unha vertixe docísima atórdame.
Ceo e terra son un, árbores, nubens, a herba e a pel
da lebre. Non vexo cousa ningunha, uña forza
me leva para abaixo, para o pozo da nada
e baixo coma un raio. ¿Qué
vontade me rexe?
¿Qué forza escura me leva, que fíos
moven as minas ás, que lume
pode quentar
tanto o sangue no meu corpo?

Teño ágora nas poutas a lebre morta
co recendo da terra e a aroeira.
Xa todo rematou. Afundiuse o imperio.
O falcoeiro maior
deixarame esgazar un anaco do fígado morno.
Logo rirá o señor, cos seus amigos
e ca miña pucha ateigada de fitas
sentireime ridículo.

¡O que fai esquecer dura sempre tan pouco!

Enigma (1985)

 

 

O arreguizo

Cando me leades —fantasío—
vós, os poetas dos tempos vindeiros
e me descifredes pacientes a golpe
de ilusión, intuición e diccionario,
seica pensando en qué costumes estraños
en qué lingua misteriosa
de eses sonoros e xordos, pronomes
átonos clíticos, guións e apóstrofes
coma unha mensaxe de guerra cifrada
que non a entenda o inimigo do futuro ¿Atravesaredes
o tempo amoreado detrás voso
e diante de min, xa perdido para todos,
e entraredes nas miñas verbas desoladas,
ruínas dunha historia inconexa
para atopardes o que vos fai, o que me fai
a min, coma os vellos mestres, a vós
coma a min, nin vello nin mestre pero atento
a este arreguizo
—¡Que non se perda!—
que traspasa coma un nezcre do desexo
esta urda teimosa da vida
e deixaredes tamén fragmentos en linguas
que se perderán como a miña
para que vos descifren
outros adolescentes
doutros tempos vindeiros —todo polo arreguizo—
e deste xeito, tempo a tempo
dun código a outro código
sempre a mesma mensaxe ociosa
—ramadas populosas de palabras—
até a fin dos séculos
se é que hai fin dos séculos?

En quarentena (1990)

 

 

As cidades

Lin que Morosini
xeneral embaixador
da cidade de Venecia
arelaba as esculturas
do frontón do partenón.

Mandou erguer un andaime
e empoleirar nel os escravos
e, no intre máis difícil
algunha trabe fallou.
Caeron homes e estatuas.

Decepcionado, o xeneral
abandonou o proxecto:
el desexábaas enteiras.
Os anacos espallados
serviron para facer casas.

Moitos sabios matinaron
no sorprendente misterio
de poder crear beleza
cunha pedra de mármore.
Poucos no camiño contrario:

tirar un perpiaño arestado
do torso dun deus antigo,
facer brita duña Venus,
pisar as laxes e as lousas
feitas de membros sagrados…

Fixéronse así as cidades
construídas lentamente
con pedras que foron
vidas humanas: amores
sufrimentos que ninguén lembra

Somnis i runa, 1992 (antoloxia)
Epigrama

Sonche agora uña lesma e paseo
pola túa terraza. Como vai húmedo o día
ficas dentro e obsérvote detrás dos cristais.
Tomas un nescafé e estás a ler.
A rentes do chan, coma eu te vexo
es un xigante adusto, de ollos de fera e xestos
desabolados, torpes.
Eu móvome pausadamente
por camiños que desembarazo
e o meu paso pensativo
deixa un ronsel de baballa.
De súpeto o ves e me ves.
Sentes un noxo profundo que se che pon
nos beizos despectivos de menosprezo.
Érgueste, saes e dun rápido biqueirazo
quéresme esmagar (éche un xesto visceral
de orgullo impenitente: no teu mundo
senlleiro onde ti és Deus —o deus do prexuízo—,
non queres ningún animal autónomo
que voe ou se arrastre. Queres só
más copias de ti, miméticos
perpetuos adolescentes de goma).
O teu xesto sañudo non previu
que o chan está mollado e esvara.
Digamos que caes de espaldas, que dás coa caluga
—unha caída mala— e quedas para sempre.
Arestora tanto orgullo é só
materia artellando a nada:
vermes e podremia.
Á túa memoria
con baballa transparente
que alguén verá de prata,
e non sen amor,
a lesmiña que me queres
faille este epigrama.

Usdefruit (1995)

 

 

Publicada no Vento do leste, revista de cultura, arte e sociedade, maio, 2001, Barcelona.

Publicat a Vento do leste, revista de cultura, arte e sociedade, maig, 2001, Barcelona.

 

 

ComadiraNarcís Comadira i Moragriega (Girona, 1942) és un poeta, pintor i crític literari català. La seva poètica és de factura més aviat clàssica, de temàtica contemplativa i un punt de vista de vegades irònic.

 

 

Lluís Felip Aced

Lluís Felip (Terrassa, 1963). Filòleg i políglota. Ha traduït del gallec al català Coses (2000) d’Alfonso R. Castelao i Els llibres fan de mal cremar (2008) de Manuel Rivas.

 

 

 

 

 

Arxiu
Subscriviu-vos al bloc

Introduïu el vostre correu electrònic per subscriure-vos a aquest bloc i rebre notificacions d'entrades noves per correu electrònic.

Activitats
  • Sense activitats
AEC v1.0.4
Etiquetes